Friday 17 de May de 2024

Emigración destina cen mil euros a axudas ao autoemprego e á creación de empresas por parte de emigrantes retornados


A iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración complementa, sen excluílas, as axudas da Traballo e Benestar, e do IGAPE, para autónomos e emprendedores

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, e os seus cónxuxes, para o ano 2015.

Estas subvencións, cun orzamento global de cen mil euros e un tope máximo de 8.000 euros por solicitude (no caso de muller, menor de 39 anos, e membro dunha sociedade laboral ou cooperativa), son compatibles e complementarias ás axudas e establecidas -para tódalas fases de emprendemento- para a poboación galega xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), dependente da Consellería de Economía e Industria, e tamén ás da Consellería de Traballo e Benestar.

Este último departamento autonómico presenta cada ano liñas de financiamento para xeración de novas empresas, para autónomos, emprendedores e cooperativas, por valor superior aos 27 millóns de euros, cos que apoia o establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia, e as iniciativas emprendedoras e de emprego.

Contra o desemprego
Con estas liñas de subvencións ao emprendedor, o Goberno galego materializa o seu compromiso de apoiar a creación de novas empresas radicadas en Galicia e loitar contra o desemprego. No caso concreto da resolución de Emigración, preténdese que o retornado aproveite a bagaxe, coñecementos e experiencias profesionais e persoais acadados no Exterior en beneficio de toda a comunidade, cree novos postos de traballo ao tempo que consolida a súa volta á terra, e mesmo contemple Galicia como destino para o investimento do seu patrimonio.

Esta resolución persegue que o retornado poda beneficiarse desta liña específica de axudas para o seu proxecto de autoemprego ou empresarial, e tamén que lle serva de reclamo para coñecer as establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar para a poboación xeral.

Desta maneira, incentívase que os proxectos que teñan en mente as persoas de volta na Comunidade tomen forma canto antes, e axuden á recuperación do tecido económico na Galicia territorial, a través de iniciativas nadas dentro e tamén fóra do territorio, especialmente aquelas xeradas a raíz de experiencias profesionais no Exterior. Asemade, conséguese engadir viabilidade aos proxectos do galego residente arestora fóra da súa terra.

Obxectos da subvención
A iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración subvenciona os gastos que leva consigo o establecemento das persoas galegas emigrantes retornadas ben como traballadores autónomos ou por conta propia, ou ben como socios traballadores de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado. Así, son obxecto de subvención para os destinatarios ata o 80 por cento dos gastos de notaría e rexistro, taxas, licencias administrativas, servizos profesionais externos, gastos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pago para a realización de ventas en liña, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (tales como calefacción, auga, electricidade, telefonía e internet.

A contía tope da axuda é de 4.000 euros para autónomos e 6.000 para sociedades laborais ou cooperativas, en ambos casos con 1.000 euros a maiores se a persoa solicitante ten 39 anos ou menos, e outro 1.000 máis se a persoa solicitante é muller.

Os requisitos que contempla a resolución é cumprir a condición de persoa galega retornada, que teña fixada a súa residencia en Galicia, e que estea dado de alta nalgúns dos réximes da Seguridade Social ou mutualidade do Colexio Profesional que lle corresponda. O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 30 de setembro.